|
Pasou o tempo e cambiaron
os costumes, e incluso as nomenclaturas e os xentilicios, pero as
tradicións permanecen vivas entre as xentes do municipio coruñés de Val
do Dubra, que se esforzan por non ter que abandonar as terras que os
viron nacer. E pouco a pouco hano conseguir.
Falar de Val do Dubra é
sinónimo a falar de Buxán. Desde o ano 1960 este municipio de 108,2
quilómetros cadrados de extensión recibe o nome de Val do Dubra.
Trátase dun logro dos veciños que, tralo devir da historia e
conscientes de que o elemento definitorio xeográfica e morfoloxicamente
do concello é o val formado polo río Dubra, optaron por este nome para
designar a un territorio cuxos límites municipais coinciden cos da
conca deste río.
Veciños, que segundo o
último censo de habitantes, acadan os 4802 en número e que viven
repartidos entre as doce parroquias que constitúen este municipio:
Arabexo, Bembibre, Buxán, Coucieiro, Erviñou, Niveiro, Paramos,
Portomeiro, Portomouro, Rial, San Román e Vilariño. Non se atopan
repartidos equitativamente, xa que son Bembibre, capital do municipio,
e o pintoresco lugar de Portomouro os que maior poboación concentran
por ser os dous núcleos principais, e ós que se pode acceder a través
da estrada que vai de Santiago a Carballo e que atravesa o concello.
Tendo en conta a superficie e a poboación deste concello, podemos dicir
que Val do Dubra conta cunha densidade demográfica de 43,8 habitantes
por quilómetro cadrado.
Difícil de definir
climatoloxicamente, este municipio caracterízase polas abundantes
precipitacións. O clima é oceánico e húmido, con precipitacións que
roldan os 1.500 milímetros, mentres que as temperaturas medias oscilan
arredor dos 12 grados. Os días de choiva ó ano non adoitan chegar ós
150, e no inverno pode haber xeadas. A elevada oferta de auga, xunto
coa moderada demanda, fan que a seca sexa moi pouco intensa nestas
terras, podendo sufrir períodos de seca absoluta tan só aqueles solos
con reservas escasas e pouco profundas.
|