|
O Servizo de Normalización
Lingüística de Val do Dubra é unha unidade de traballo que resolve as
necesidades do organismo ao que pertence, no relativo á lingua e aos
modelos lingüísticos que deberá empregar para os seus documentos de
traballo e para as súas relacións con outros organismos e cos
veciños/as. Do mesmo xeito que contribúe á extensión do uso da lingua.
Unha Administración
moderna debe prestar atención á simplificación dos procedementos, á
información ao veciño/a, pero tamén á lingua que se utiliza para
relacionarse con eles. Unha Administración como a galega, que posúe
unha lingua propia debe buscar que esta sexa a lingua normal de
comunicación a tódolos niveis.
A constitución dos
Servizos de Normalización Lingüística na Administración Local é a forma
máis idónea para dar resposta a estas necesidades. O Servizo de
Normalización Lingüística própón e planifica, pero a responsabilidade
da normalización lingüística de cada Concello é algo que compete a
tódolos membros dese Concello, fundamentalmente aos que teñen cargos de
responsabilidade e de representación.
Neste momento histórico,
acadouse unha certa normalidade no uso da lingua galega na
Administración e estamos nunha etapa de asentamento e depuración da
linguaxe administrativa galega.
O Servizo de Normalización
Lingüística (SNL), constitúe un instrumento indispensable nos procesos
de recuperación e dinamización da lingua. Os seus obxectivos
prioritarios son incrementar o coñecemento e mailo uso do galego, así
como recobrar o prestixio da propia lingua, garantindo a súa presencia
en todos os ámbitos.
O labor do SNL desenvólvese en dúas vertentes, lingüística e
dinamizadora, e en dous campos de actuación, a administración e o termo
municipal. As súas accións céntranse fundamentalmente en:
ASPECTO LINGÜÍSTICO:
- Tradución de textos e de documentos.
- Corrección documental.
- Deseño da documentación formal.
- Resolución de consultas lingüísticas ou
terminolóxicas.
- Organización da capacitación lingüística do
cadro de persoal.
- Asesoramento lingüístico e toponímico.
ASPECTO
SOCIOLINGÜÍSTICO:
- Elaboración das propostas de dinamización,
regulación dos usos e perfís lingüísticos.
- Información sobre o status legal da lingua e
sobre os criterios de regulación do seu uso.
- Elaboración e seguimento da Ordenanza Municipal
de Normalización Lingüística.
- Coordinación con outros servizos lingüísticos.
- Proposta de actuacións de dinamización
lingüística.
Organización
O servizo municipal de
normalización lingüística ten que contar con persoal especializado que
posúa unha boa formación lingüística e con coñecementos de
planificación e dinamización lingüística.
O servizo lingüístico
contará, asemade, coa dotación bibliográfica imprescindible para o
exercicio das súas funcións, por mor da especificidade dos seus
cometidos.
Quen pode solicitar os servizos do
departamento de normalización lingüística?
Este departamento, á parte
do seu labor interno, tamén lle presta os seus servizos a calquera
persoa particular, empresa, asociación ou entidade que os demande tanto
de asesoramento coma de tradución ou correción de textos e, mesmo de
tramitación de subvencións para fomentar o uso social da lingua galega.
Cursos de Galego
Este departamento tramita
cursos para adultos, de Iniciación e Perfeccionamento da Lingua Galega
a través da Consellaría de Educación e Ordenación Universitaria.
Se desexades máis información
contactade connosco na Casa do Concello no teléfono: 981889000 ou no
enderezo electrónico: monica.quintans@valdodubra.dicoruna.es
|