Pedra do Home
En
Portomouro, parroquia na que existe unha ponte á que lle debe o seu
nome, pois “Portomouro” quere dicir ponte antiga (ponte que estaba
antes da chegada dos romanos), no máis alto dun monte ao lado
do río Tambre, na estrada de Fondón á Igrexa, atópanse unhas tumbas
antropomórficas coñecidas como “Pedra do Home”, nunha situación
claramente estratéxica, pois quizais se sitúe a orixe do enterramento
nun cemiterio para os “vixiantes” do paso do Tambre, no século IV-VIII,
datas nas que se sitúan as tumbas rupestres antropomórficas.
A Fervenza
O concello a través do
financiamento do programa Agader, ten previsto facer unha extensión da
ruta de sendeirismo “Das Carballeiras”, para chegar ata unha fervenza
situada entre os lugares de Gontar (parroquia de Coucieiro) e Insua
(parroquia de San Román).
Este sendeiro atravesa as
fermosas carballeiras do río Dubra no seu paso por Bembibre, chega ata
as ruinas da ermida de San Xoán Bautista, e acaba percorrendo as beiras
do río, augas arriba cara Bembibre, rematando novamente na mesma Área
Recreativa.
Pantalán
En Portomouro, máis
concretamente no lugar do “Muíño de Rodas”, atópase este pantalán, que
serve de embarcadoiro para os piragüístas que queiran facer deporte e
gozar da paisaxe que ofrece o río Tambre e o seu contorno, con
carballos e castiñeiros, árbores de ribeira e grandes fieitos, que
convidan ao relax e sosego co marmurio da auga.
Ata o pantalán poden
acceder os vehículos que remolquen as embarcacións por unha pista
sinalizada dende a estrada a Santiago, a menos de 1 km dende
Portomouro.
Estas instalacións dispoñen
de aseos, unha caseta para gardar as piraguas, e nos meses de verán
impártense cursos de iniciación ao piragüismo.
Igrexa de Paramos
Indo
pola estrada de Santa Comba podemos deternos e botar unha ollada á
igrexa de Paramos, un bonito exemplar do típico estilo románico rural
galego, con nave e ábside de planta rectangular. No testeiro ábrese
unha xanela con columnas e unha ancha arquivolta axedrezada. Sobre o
piñon da ábside puxeron unha sinxela cruz, pero ollando máis enriba,
sobre o da nave, vemos outra máis traballada e interesante, inscrita
nun círculo. A sacristía, que está adosada o muro meridional do ábside,
é claramente posterior, probablemente da época na que foi restaurado o
templo, 1646, data que figura alí mesmo unha inscrición.
Área recreativa
En Bembibre, nunha paisaxe inigualable, a
carón do río Dubra e rodeada de salgueiros atópase esta área recreativa
que conta con: piscina municipal (abre nos meses de verán), área de
descanso, merendeiro, parque de xogos infantil... na que durante o
verán se celebran moitos actos, destacando entre outros Pescadubra
(para nenos e minusválidos) e o Campamento Urbano.
Vistas dende o Picoto

Dende O Campo de Carlexo
(Rial) sae unha pista asfaltada que vai dar ás antenas de repetición
dos sinais de televisión, no monte coñecido como “O Picoto”.
Éste é o punto máis alto de todo o val (525m), e dende alí tense unha
visión privilexiada de case todo o Val do Dubra.
|